Skip to main content

TÁMIL NADU

Implicadas Proxecto Tiruchy Implicadas no Desenvolvemento

A nosa andaina comezou e mantense en Támil Nadu coa organización local PDI (People’s Development Initiatives).  O noso traballo na rexión atende ás intereseccións entre situación socioeconómica, casta e discriminación de xénero. 

TIRUCHY

Dende o ano 98 levamos apoiado os procesos de transformación, liderados polas mulleres, dos suburbios de Tiruchirapalli . A través de diferentes intervencións e sobre todo grazas á metodoloxía dos Grupos de Axuda Mutua (GAM), orixinaria precisamente do sur da India, as mulleres foron quen de transformar completamente as súas condicións de vida. O que antes eran suburbios onde as mozas non chegaban a rematar a primaria son agora barrios integrados na cidade onde as mozas estudan e as mulleres se organizan para xestionar a vida individual e colectiva con liberdade. Nese proceso tamén se traballou no cambio de papeis de xénero dos homes, mozos e nenos.

Na crise do coronavirus, as mulleres dos antigos suburbios foron quen de organizarse para distribuír axuda e alimento a quen o precisou. Os seus GAM son sempre o punto de referencia para calquera intervención gobernamental, nada se fai sen a súa participación.

SALEM

No ano 2007 as mulleres trans (aravani) coas que PDI traballa noutra intervención recorreron á organización para alertar sobre o elevado número de casos de infanticidio feminino no distrito. O infanticidio feminino é unha forma extrema de violencia contra as mulleres pola cal unha sociedade tolera e promove que se asasinen as nenas nada máis nacer ou que se practiquen abortos selectivos. Esta práctica está totalmente prohibida na India, ata o punto de que dende o ano 1994 é delito revelar o sexo do feto para evitar os abortos selectivos.

A presenza do infanticidio feminino revelouse como unha área de intervención prioritaria e urxente. PDI solicitou apoio de Implicadas para lanzar un programa de erradicación inicialmente en catro bloques do distrito de Salem. Dende o ano 2007 as dúas organizacións traballan para apoiar a transformación dos papeis de xénero que están na base destas violencias e no apoio concreto ás mulleres e nenas para que poidan facer fronte á presión social de ter un fillo varón.

Este traballo a dous niveis inclúe accións coma o teatro de rúa, os diálogos familiares, a formación de xénero para as mulleres, mais tamén para a mocidade e homes e as interaccións das traballadoras de base e asesoras coas mulleres e familias. Por suposto, tamén os GAM son un elemento fundamental e as súas accións son reivindicativas e políticas. Dende facer unha cadea humana para denunciar clínicas que revelan o sexo do feto ás manifestacións do 8 de marzo ou do 25 de novembro, o traballo en Salem segue a ocupar os nosos esforzos.

Tras o traballo con éxito en oito bloques do distrito, en 2024 comeza unha nova fase focalizada na erradicación do feticidio feminino, a práctica máis habitual no momento, en catro bloques máis.